Nova
A Xunta colabora un ano máis co ‘Porco Pride’ de Espasante, en Ortigueira, na súa aposta de visibilizar a diversidade LGTBI no rural galego
Este evento celébrase desde mañá venres, 18 de xullo, ata o domingo día 20 e contará con diferentes actividades de sensibilización
Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2025
A Xunta colabora un ano máis co III Porco Pride, que organiza a Asociación Orgullo Espasante LGTBI+ Porco Pride e que tamén conta coa colaboración do Concello de Ortigueira. Trátase dun evento que mestura as actividades formativas e culturais para ser un axente dinamizador dos dereitos LGBTI nas zonas rurais, contribuíndo a dar visibilidade a todo o colectivo.
Esta terceira edición do Porco Pride celébrase desde o venres 18 de xullo ata o domingo día 20. Durante estas tres xornadas, a parroquia de Espasante, en Ortigueira, ofrecerá aos asistentes diferentes actividades de sensibilización: unha charla formativa sobre Diversidade sexual, igualdade de oportunidades e contra a LGBTIfobia, contacontos ou mesmo a obra de teatro Brokeback Sabucedo, paixón entre bestas, que se trasladará ao Teatro da Beneficiencia de Ortigueira o domingo ás 20,30 h. Así mesmo, tamén haberá actuacións musicais e pasarrúas ao longo dos tres días.
A Xunta de Galicia mantén o seu compromiso de seguir traballando na visibilización dos dereitos das persoas LGBTI, especialmente nas contornas rurais. Deste xeito, o Executivo galego destaca que este evento é unha mostra máis da colaboración entre a Administración e os axentes sociais para seguir traballando na promoción da igualdade e da diversidade sexual.