Nova
A Xunta destaca que máis de 200 persoas se poderán beneficiar das actividades de verán dos seus centros sociocomunitarios en Ourense
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria sinalou que o Executivo galego conta con diferentes programas enfocados a mellorar o día a día das persoas maiores ao longo do ano
Ribadavia (Ourense), 17 de xullo de 2025
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, avanzou esta mañá que máis de 200 persoas se van beneficiar do programa de actividades de verán impulsadas pola Xunta e a asociación Acolle nos centros sociocomunitarios da provincia de Ourense. Así o destacou durante a súa visita aos usuarios do centro de Ribadavia que contan cunha iniciativa de exercicio funcional e un obradoiro de creación en estaño en agosto.
O director xeral sinalou o compromiso do Executivo galego para ofrecer a todos os maiores iniciativas e recursos para fomentar o envellecemento activo e que cobra especial importancia nos meses do verán. Ao respecto, lembrou que se desenvolven máis dunha decena de cursos e actividades durante os meses de xullo e agosto e entre as que destacan exercicios deportivos, cestería, obradoiros creativos ou cursos de maquillaxe.
Antón Acevedo agradeceu á asociación Acolle a súa implicación na posta en marcha destas actividades que teñen moi boa acollida entre os usuarios dos centros. Deste xeito, reafirmou a aposta da Xunta pola dinamización dos maiores e por ofrecer recursos que permitan o intercambio de experiencias, a conexión interxeracional e a prevención do deterioro cognitivo.
Neste senso, o director xeral trasladoulles a todos os usuarios o compromiso do Executivo galego por seguir poñendo en marcha recursos para as persoas maiores que permitan que poidan desfrutar desa etapa da vida no lugar no que eles escollan, ao tempo que os animou a participar no resto de programas da Xunta de Galicia como Benestar en Balnearios ou Xuntos polo Nadal.