Nova

Fabiola García advirte ao Goberno central de que Galicia non vai cambiar a súa política de protección de menores para crear macrocentros

A conselleira de Política Social e Igualdade destaca que Galicia non acude á Conferencia Sectorial de Infancia e Adolescencia por tratarse dunha “convocatoria ilegal” e sen orde do día aprobado

Volve esixir ao Executivo central que retome “a vía do consenso e do diálogo” e que o traslado dos menores se faga “de xeito pactado, consensuado e acompañado dos fondos necesarios”

Lembra que en Galicia “non hai conflito” cos menores migrantes non acompañados, xa que “están todos integrados no noso sistema de protección” e conviven nos pequenos centros e casas que a Xunta ten por toda a comunidade


Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, asegurou esta mañá, nunha entrevista na Televisión de Galicia,  que Galicia “non vai cambiar a súa política de protección de menores, baseada na integración, para crear guetos e macrocentros, tal e como pretende o Goberno central”.

A conselleira defendeu a non asistencia de Galicia á Conferencia Sectorial de Infancia e Adolescencia, prevista para hoxe, ao tratarse dunha “convocatoria ilegal”, xa que a orde do día non foi aprobada en sesións previas, tal e como establece o regulamento. “Por primeira vez, Galicia deixou a cadeira baleira”, aseverou, ao tempo que lembrou que Galicia "sempre pactou, pero o que non imos aceptar son imposicións”.

Fabiola García fixo fincapé en que Galicia sempre se caracterizou pola súa solidariedade, pactando co Goberno central os traslados anteriores, pero destacou que neste momento “a nosa comunidade non ten capacidade, nin recursos nin centros dispoñibles”. Nesta mesma liña, lembrou que Galicia, xunto a outras dez comunidades de diferente signo político, presentou recurso ante o Tribunal Constitucional, un requirimento que foi admitido a trámite recentemente.

Na entrevista, a conselleira volveu esixir ao Goberno central que retome “a vía do consenso e do diálogo” e que o traslado dos menores se faga “de xeito pactado, consensuado e acompañado dos fondos necesarios”. Sobre esta cuestión, lembrou que neste momento Galicia está sostendo “ao 100%” a atención integral de todos os menores non acompañados.

Por último, Fabiola García lembrou que en Galicia “non hai conflito” cos menores migrantes non acompañados, xa que “están todos integrados no noso sistema de protección” e conviven nos pequenos centros e casas que a Xunta ten por toda a comunidade. Por iso, reclamou que se paralice o actual reparto, realizado “sen consenso e sen criterios, só para favorecer a determinadas comunidades, como Cataluña ou o País Vasco”.

Atención á dependencia

Sobre a atención á dependencia,  a conselleira puxo en valor o Plan de Choque impulsado por Galicia en xaneiro deste ano e que en seis meses permitiu que se resolvesen favorablemente máis de 42.000 expedientes de dependencia e discapacidade. Deste xeito, lembrou que Galicia ten xa unha ratio de dependentes atendidos superior ao 98% e que o obxectivo é chegar aos 90.000 neste ano.

Fronte a isto, contrapuxo a actuación do Goberno central, que “segue sen achegar os fondos suficientes, incumprindo a Lei de Dependencia e cunha débeda con Galicia que supera xa os 2.500 millóns de euros”. Por último, en relación á modificación da Lei de Dependencia aprobada esta semana polo Consello de Ministros, incidiu en que “non inclúe grandes novidades e o que fai é copiar moitas das medidas xa implantadas e en funcionamento en Galicia”.