Nova

Rueda renova o acordo da Xunta coa Fundación “la Caixa”, que este ano destina un 15% máis ao desenvolvemento de programas en Galicia

Subliña o importante papel que realiza na comunidade a entidade, que prioriza os proxectos destinados á infancia, o acceso ao emprego das persoas en risco de exclusión social e o envellecemento activo

A fundación destina en 2025 un total de 15 millóns de euros á posta en marcha en Galicia de iniciativas en materia de acción social, investigación, educación e cultura


Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente da Fundación “la Caixa”, Isidro Fainé, asinaron esta tarde a renovación do acordo marco que recolle a colaboración entre ambas institucións en materia de acción social, investigación, educación e cultura para este ano. 

Tal e como se destacou na reunión, a Fundación “la Caixa” destinará en 2025 un total de 15 millóns de euros ao desenvolvemento de programas e actividades en Galicia, un 15% máis que no ano anterior. 

Priorízanse os proxectos de acción social dirixidos á mellora das condicións de vida da infancia máis vulnerable, o acceso ao emprego das persoas en risco de exclusión, o fomento do envellecemento activo e saudable e a atención integral de pacientes con enfermidades avanzadas. 

No encontro, no que tamén participou a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, o presidente da Xunta agradeceu o intenso traballo que realiza a Fundación “la Caixa” en Galicia e puxo en valor o importante papel que desenvolven en distintos ámbitos as entidades sociais, en colaboración coas administración públicas e de forma complementaria ao labor destas.