Nova
A Xunta reafirma o seu compromiso coa fundación Juan Soñador para seguir impulsando a igualdade de oportunidades entre todos os menores
Jacobo Rey sinalou a importancia da colaboración entre a Administración e o tecido asociativo para mellorar a situación da mocidade máis vulnerable
Allariz (Ourense), 16 de xullo de 2025
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, acompañou esta mañá aos nenos e nenas do campamento de verán da Fundación Juan Soñador en Allariz. Neste encontro, reafirmou o compromiso da Xunta con esta entidade social para seguir impulsando iniciativas que fomenten a igualdade de oportunidades entre todos os menores.
Neste encontro, o director xeral participou cos rapaces nas diferentes actividades que realizaron nas instalacións da Fundación Ramón González Ferreiro, que conta entre outros recursos didácticos, cunha granxa escola. Alí, constatou a importancia da colaboración entre as Administracións e o tecido asociativo para chegar a máis familias e mellorar a situación da mocidade máis vulnerable, garantindo servizos fundamentais como a conciliación familiar.
Ademais, Jacobo Rey trasladou o compromiso da Xunta de seguir traballando a prol das familias galegas, poñendo a súa disposición recursos e servizos fundamentais que permitan a Galicia seguir sendo un referente na atención á infancia.