Nova
Martina Aneiros pon en valor o traballo de Alcer a prol da mellora da calidade de vida para as persoas con enfermidade renal crónica
Lembra que ata o 30 de xullo está aberto o prazo de solicitude das axudas para a realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF que xestiona a Consellería de Política Social e Igualdade
Ferrol, 15 de xullo de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá a sede da entidade ALCER en Ferrol, co fin de coñecer os programas que esta entidade está a realizar cunha axuda para a realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF que xestiona a Consellería de Política Social e Igualdade.
A entidade foi receptora dunha achega de 46.850 euros para desenvolver 3 programas: Vivir ben, Sinerxias e Apóiate en Alcer. Estes programas, de apoio psicolóxico, de fortalecemento e de atención nutricional, respectivamente, son para atender as necesidades e apoio ás persoas que padecen enfermidade renal crónica e ás súas familias ou entorno social próximo.
Durante a visita, a delegada territorial aproveitou a ocasión para poñer en valor o traballo que Alcer desenvolve á hora de atender as necesidades das persoas usuarias. “Estes programas contribúen a mellorar a calidade de vida do enfermo renal crónico en todos os seus aspectos, así como favorecer a sensibilización sobre a doazón de órganos para transplantes”, indicou Aneiros.
Convocatoria aberta
A delegada lembrou que as entidades do terceiro sector de acción social teñen de prazo ata o 30 de xullo para presentar as solicitudes á convocatoria de 2025 que conta cun orzamento de 33,3 M€ para actuacións no ámbito da familia, infancia e dinamización demográfica; de inclusión social; de promoción da autonomía persoal e apoio de persoas con discapacidade; proxectos de investimento e adecuación de centros e unidades de atención destinados a persoas con discapacidade ou proxectos de investimento e adecuación de centros e unidades de atención destinados a persoas en situación ou risco de exclusión social.
Tamén serán subvencionables con cargo a esta convocatoria as actuacións de promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero; de promoción da autonomía persoal de apoio a persoas maiores e dependentes, e proxectos de investimento e adecuación de centros e unidades de atención destinados a persoas maiores e a persoas dependentes ou de centros destinados á infancia do sistema de protección e reforma xuvenil.
“Con estas axudas o Goberno galego dá continuidade á súa colaboración co tecido asociativo, coa finalidade de chegar a todos aqueles que atravesan esta enfermidade e que precisan de apoio”, sinalou a delegada territorial.