Nova
A Xunta convoca por terceiro ano consecutivo as axudas de 12.000 euros destinadas aos afectados por esclerose lateral amiotrófica (ELA)
Estas achegas, que contan cun orzamento ampliable de 2,4M€ e chegan cada ano a unha media de 200 beneficiarios, poden solicitarse desde mañá ata o vindeiro 3 de novembro
Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2025
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a terceira edición da convocatoria de axudas de 12.000 euros destinadas aos afectados por Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA) e ás súas familias. Estas achegas, que contan cun orzamento ampliable de 2,4M€ e chegan cada ano a unha media de 200 beneficiarios, poden solicitarse desde mañá, 15 de xullo, ata o vindeiro 3 de novembro.
Ademais de facer fronte á enfermidade, os doentes teñen que afrontar tamén numerosos gastos para adquirir produtos de apoio como cadeiras de rodas; adaptar o fogar ás novas necesidades con melloras, por exemplo, de accesibilidade; ou para recibir atención fisioterapéutica ou de rehabilitación.
De aí que a Xunta decidise poñer en marcha unha orde de axudas específica para os afectados, converténdose na primeira comunidade en facelo. Así, os doentes e as súas familias poden recibir ata 12.000 euros para poder afrontar estes gastos.
O Goberno galego mantén así unha firme aposta por apoiar ás persoas diagnosticadas con ELA. Por iso, ademais destes apoios financeiros, a Xunta tamén habilitou un proceso clínico para axilizar o seu diagnóstico e atención e puxo en marcha unha vía preferente na valoración de dependencia para que accedan ao servizo no menor tempo posible. Mentres tanto, a lei estatal, aprobada hai meses, continúa sen estar dotada de fondos económicos.