Nova
A Xunta destaca que o diálogo social é fundamental para seguir avanzando en medidas integrais de loita contra a violencia de xénero
Roberto Barba lembrou que Galicia é unha comunidade referente na posta en marcha de medidas pioneiras e trasladou o compromiso do Executivo galego de seguir traballando na mesma liña
Ribeira (A Coruña), 11 de xullo de 2025
O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, clausurou hoxe o Curso especializado para a avaliación e intervención en violencia de xénero, que se celebrou estes días en Ribeira. Durante a súa participación, destacou que este tipo de eventos marcados polo diálogo social e o intercambio de experiencias son fundamentais para seguir avanzando en medidas integrais de loita contra a violencia machista.
Roberto Barba fixo fincapé na importancia da colaboración entre as diferentes Administracións e Institucións para unir forzas e traballar de xeito coordinado na eliminación de calquera tipo de violencia contra as mulleres. Deste xeito, lembrou que a través do esforzo conxunto é máis sinxelo chegar a toda a poboación e transmitir o apoio necesario para que calquera vítima de violencia de xénero saiba que conta co respaldo necesario por parte de todos os axentes sociais.
Nesta liña, sinalou que a Xunta de Galicia conta con diferentes recursos especializados para o asesoramento e a atención a calquera muller que o precise. Os Centros de Información á Muller (CIMS) desenvolven un labor fundamental prestando un primeiro servizo fundamental marcado pola proximidade; xa que – recordou- chegan a preto de 200 concellos. Ao respecto, volveu explicar que o Executivo galego porá en marcha catro CIMS móbiles co obxectivo de chegar tamén aos municipios rurais e aos campus universitarios.
O director xeral tamén explicou que o Goberno galego puxo en marcha medidas novidosas e únicas no Estado como a prestación económica anual para as vítimas de violencia de xénero. Trátase dunha achega que cumpre un papel fundamental para garantir a recuperación integral de todas estas mulleres, especialmente a súa autonomía. Así mesmo, manifestou que Galicia conta cun dos mellores conxuntos de programas e recursos, destacando a maiores o acompañamento global aos orfos de feminicidios, o bono alugueiro específico, a asistencia psicolóxica integral ou os plan formativos para impulsar o emprego e inserción laboral das vítimas.
Ademais, a Xunta traballa na elaboración da primeira Lei europea de violencia dixital, un texto que recoñecerá estes delitos como un tipo de violencia de xénero o que permitirá – dixo- garantir tamén a protección de todas as mulleres que a sufran. Así, lembrou que en Galicia isto xa acontece coas vítimas de trata e de violencia sexual, que xa están recoñecidas por lei como vítimas de violencia de xénero.
Con todo, Roberto Barba destacou que “aínda que se lograron moitos avances nos últimos anos, queda camiño por percorrer”, por iso trasladou o compromiso da Xunta para seguir poñendo en marcha medidas e recursos pioneiros que contribúan a que Galicia siga sendo unha comunidade referente na loita contra a violencia de xénero.