Nova

Fabiola García pon en valor a aposta de Amicos por combinar a inclusión social e a conservación medioambiental

A conselleira acompañou aos voluntarios medioambientais da entidade, que lle amosaron as iniciativas medioambientais e de coidado dos mares que desenvolven grazas ás axudas con cargo ao 0,7% do IRPF

Participou no porto de Aguiño nunha acción de clasificación de residuos mariños e na posterior acción de inserción de algas no mar, nos arredores da illa de Sálvora

Destaca que a Xunta financia 102 prazas de atención da entidade na comarca da Barbanza e destinou 1,2M€ á ampliación da residencia


Ribeira (A Coruña), 8 de xullo de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá o centro de atención integral de Amicos en Boiro para coñecer as iniciativas medioambientais e de coidado dos mares que desenvolven grazas ás axudas con cargo ao 0,7% do IRPF. Posteriormente, trasladouse ao porto de Aguiño para participar nunha acción de clasificación de residuos mariños con varios buzos da confraría da zona. A xornada concluíu no entorno da illa de Sálvora coa inserción de algas.

Durante a xornada, a conselleira, acompañada da directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, e polo director xeral da entidade, Xoán España, visitou o laboratorio de algas de Amicos. Alí, os e as activistas medioambientais da entidade, persoas con discapacidade intelectual especializadas nesta temática, mostráronlles o traballo que realizan para a recuperación dos bosques de kelp e dos prados de zoostera.

Así, no laboratorio comprobaron o traballo que desenvolve o equipo desde a fase reprodutiva das alfas, que se cultivan en tanques especiais ata estar listas para volver ao mar. Despois de moitos coidados e un intenso monitoreo do seu crecemento, as algas aférranse as pedras que as acompañarán no seu regreso ao mar.

A continuación, a conselleira trasladouse ao porto Aguiño para participar nunha acción de clasificación de residuos mariños con varios buzos da confraría da zona. Trala actividade, colaboraron na inserción de algas no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas, nos arredores da illa de Sálvora.

Fabiola García agradeceu a Amicos a súa implicación e a súa aposta pola inclusión social e a conservación medioambiental, ao tempo que felicitou á entidade polos seus 25 anos de traxectoria en favor da plena inclusión das persoas con discapacidade intelectual. A conselleira destacou que “Amicos sempre ten e sempre terá a man tendida da Xunta” e lembrou que esta colaboración tradúcese no financiamento de 102 das prazas de atención que dispón a asociación, cunha achega anual de máis de 2,2M€.

Ademais, o Goberno galego achegou un total de 1,2M€ para a ampliación da residencia que a entidade ten en Boiro. Finalmente, fixo fincapé na “estreita colaboración” da Xunta con Amicos en proxectos pensados para mellorar o benestar dos usuarios e da sociedade no seu conxunto, e que contan co apoio do Executivo galego a través de axudas con cargo ao 0,7% do IRPF, como é o caso dos proxectos de coidado dos mares e contra o lixo mariño.