Nova

A Xunta abre a licitación para as obras de mellora do complexo de atención a menores de Ferrol

O Executivo galego destina preto de 100.000 euros para as actuacións que suporán o cambio da cuberta e dos elementos de recollida de auga, así como a renovación do muro exterior


Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2025

A Xunta abriu o prazo de licitación para a execución das obras de mellora do seu Complexo de Atención a Menores da cidade de Ferrol. Toda a información relativa a este procedemento está publicada na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia.

O Executivo galego destina preto de 100.000 euros do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea para a execución destas obras. As actuacións previstas suporán o cambio da cuberta e de todos os elementos de canalización de augas. Ademais, procederase á renovación do muro exterior das instalacións.

A Xunta de Galicia prevé que unha vez iniciadas as obras teñan unha duración de ata tres meses. O obxectivo é mellorar a confortabilidade deste centro de protección da infancia e adolescencia, adaptalo ás necesidades actuais dos usuarios e garantir o seu benestar.