Nova

A Xunta destaca que máis de 5.000 persoas xa se achegaron ao Espazo de Igualdade e Punto Lila e Arco Iris nos festivais para asesorarse en materia de igualdade e LGBTI

Estes recursos que agora están no Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, percorrerán despois o Atlantic Fest, no Río Verbena, no Morriña Fest e no Caudal Fest

Nestes puntos desenvólvense accións de sensibilización e atención especializada ante calquera situación de agresión sexual, violencia de xénero ou LGBTIfóbica


Ortigueira (A Coruña), 10 de xullo de 2025

A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, visitou esta tarde o Espazo de Igualdade e o Punto Lila e Arco iris instalados no recinto do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira. Alí, sinalou que estes recursos da Xunta de Galicia atenderon este mes máis de 5.000 persoas que se achegaron durante tres festivais para asesorarse e aprender máis en materia de igualdade e LGBTI.

O Espazo de Igualdade e o Punto Lila e Arco iris son recursos fundamentais para desenvolver accións de sensibilización e atención especializada ante calquera situación de agresión sexual, violencia de xénero ou LGBTIfóbica. Este ano xa formaron parte do festival O Son do Camiño, o Ressurrection Fest e o Portamérica, nos que se rexistrou – destacou a directora xeral- unha gran afluencia de mocidade interesada por seguir formándose na prevención de calquera tipo de violencia contra as mulleres e o colectivo LGBTI.

Nesta visita, María Quintiana destacou que estes espazos se consolidan un ano máis como “espazo seguro para moitas persoas nos festivais galegos”. Por iso, lembrou que unha vez remate o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, as seguintes grandes citas nas que estarán presentes serán o Atlantic Fest, o Río Verbena, o Morriña Fest e o Caudal Fest.

A directora xeral tamén indicou que ademais das actividades de sensibilización, o equipo profesional destes servizos prestou un gran labor de asesoramento a todas as persoas que se achegaron para trasladar ou interesarse por cuestión relativas a súa situación persoal. Por iso mesmo, fixo fincapé en que o persoal tanto do Espazo de igualdade como dos Puntos Lila e Arco iris está especializado para ofrecer unha atención integral multidisciplinar de diferentes eidos como a psicoloxía, sexoloxía ou traballo social, entre outros.