Nova

Rueda subliña que a gratuidade da educación infantil permite a Galicia estar por riba da media nacional na escolarización de 0 a 3 anos

Aposta pola posta en marcha de servizos para impulsar a conciliación e a fixación de poboación

Pon en valor outras medidas complementarias promovidas pola Xunta, como a Tarxeta Benvida ou o Bono Concilia Familia


Ames (A Coruña), 10 de xullo de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, subliñou hoxe que a educación infantil en Galicia se sitúa á vangarda grazas á gratuidade para todos os nenos e nenas de 0 a 3 anos, o que permite contar “coas taxas de primeira escolarización altísimas, moi por riba da media do Estado, e á altura de países que levaban a dianteira”. Rueda, que estivo acompañado pola conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, participou hoxe na escola infantil que a Xunta ten en Bertamiráns (Ames) na entrega de orlas ao alumnado das escolas infantís públicas.

No acto, o presidente subliñou o esforzo económico que realiza a Xunta para manter a gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos, con 65 millóns de euros de fondos propios cada ano, e agradeceu a implicación de concellos como Ames.

O responsable do Executivo autonómico, que lembrou que en Galicia se pode estudar de xeito gratuíto “desde que entran nas escolas infantís ata que saen nas universidades”, incidiu en que a aposta pola educación infantil contribúe á conciliación e á fixación de poboación.

Lembrou que Ames rexistra un saldo vexetativo positivo (máis nacementos que falecementos) e recordou diferentes medidas que a Xunta está a desenvolver no concello, co impulso á vivenda pública ou a construción dun novo colexio no Milladoiro, “un centro educativo referente”. “A poboación establécese onde existen servizos, e existen servizos onde existe colaboración”, apuntou.

32.000 familias beneficiadas pola gratuidade

Preto do 65% da poboación infantil de 0 a 3 anos en Galicia está escolarizada, 15 puntos por riba da media estatal e en niveis equiparables a países de referencia en benestar como Suecia ou Dinamarca. Este curso, o terceiro no que se aplica a gratuidade, foron 32.000 as familias galegas beneficiadas por esta medida, que lles supón un aforro superior aos 3.000 euros anuais.

Durante a visita a Bertamiráns, Rueda puxo en valor outras medidas complementarias impulsadas pola Xunta. Entre elas atópanse as Casas Niño nos concellos rurais, o Bono Concilia Familia, a Tarxeta Benvida ou o Plan Corresponsables, que chega este ano a 234 concellos con programas de conciliación no verán.