Nova

Fabiola García reivindica o compromiso da Xunta na loita contra a violencia de xénero poñendo en marcha medidas pioneiras e reforzando os recursos

A conselleira de Política Social e Igualdade recalcou a importancia da colaboración entre as Administracións á hora de combater a violencia contra as mulleres


Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reivindicou esta mañá no Pleno do Parlamento o compromiso da Xunta na loita contra a violencia de xénero, que se materializa coa posta en marcha de medidas pioneiras e co reforzo dos recursos existentes, situando a Galicia como unha comunidade de referencia nesta materia.

A conselleira fixo fincapé no importante labor que vén desenvolvendo o Executivo galego nos últimos anos e que se reflicte – dixo- no impulso de políticas públicas integrais, no apoio ás vítimas, no incremento de recursos tanto de sensibilización como de formación para a sociedade. Ao respecto, lembrou que Galicia foi a primeira comunidade tamén en aplicar cambios lexislativos como o primeiro decreto para a formación en igualdade do persoal público ou o recoñecemento da violencia dixital como unha manifestación máis desta lacra.

Nesta liña, Fabiola García recalcou no Pleno a importancia da colaboración entre todas as Administracións para seguir combatendo a violencia contra as mulleres. Por iso, avanzou que Galicia estará presente mañá no comité de crise impulsado polo Goberno central para avaliar a situación da violencia machista en todo o país tras os últimos casos rexistrados. Ao respecto, volveu reiterar que a comunidade galega sempre apostará “pola unión dos mecanismos para unha cooperación eficaz” entre os concellos, os Gobernos autonómicos e o Executivo central.

Ademais, a conselleira trasladou que a Xunta vai seguir reforzando os recursos existentes e as redes de atención para garantir a protección e recuperación das vítimas, sempre poñendo o foco na prevención e sensibilización en todos os ámbitos sociais