Nova
A Xunta destina máis de 226.000 € a apoiar a conciliación e fomentar a corresponsabilidade en once municipios de Ferrol, Eume e Ortegal
A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá aos nenos e nenas que participan no programa Cerdido Corresponsable 2025 que se desenvolve durante os meses de xullo e agosto na área recreativa O Castro.
Os concellos de A Capela, Cabanas, Cariño, Neda, Mugardos, Ortigueira, As Pontes, As Somozas, San Sadurniño e Valdoviño tamén resultaron beneficiarios este ano do Plan Corresponsables no ámbito local da Consellería de Política Social e Igualdade
Cerdido (A Coruña), 9 de xullo de 2025
A Xunta destina este ano 226.404 euros en axudas a entidades locais para apoiar a conciliación e fomentar a corresponsablidade en once concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Así o deu a coñecer a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, durante unha visita realizada esta mañá xunto ao alcalde de Cerdido, Alberto Rey Paz, aos participantes do programa Cerdido Corresponsable 2025, unha das iniciativas municipais para favorecer a conciliación que a Consellería de Política Social e Igualdade financia nesta área territorial a través do Plan Corresponsables -cofinanciado co Ministerio de Igualdade do Goberno de España- no ámbito local.
A través deste programa, que conta cunha achega autonómica de 10.400 euros, o concello organiza obradoiros semanais ao longo dos meses de xullo e agosto que se desenvolven nas instalacións da área recreativa O Castro.
Durante as xornadas os rapaces de ata 16 anos levan a cabo actividades físicas a través de xogos populares; actividades para coñecer o entorno; diferentes talleres; artes escénicas e xogos deportivos.
“Dende o Goberno galego cremos que a conciliación é o camiño para a consecución da igualdade real entre homes e mulleres, por iso apoiamos aos Concellos financiando programas municipais coma este coa fin de facilitar que calquera persoa traballadora poida compatibilizar o coidado da familia cun uso equilibrado dos seus tempos”, sinalou a delegada territorial.
Xunto ao concello de Cerdido, tamén resultaron beneficiarios desta orde de axudas da Xunta a través do Plan Corresponsables no ámbito local, os programas de conciliación promovidos polos concellos de A Capela, Cabanas, Cariño, Neda, Mugardos, Ortigueira, As Pontes, Somozas, San Sadurniño e Valdoviño.