Nova

O Goberno central pretende impoñer que Galicia asuma 317 menores migrantes sen financiamento

A Xunta considera que o reparto obedece a un pacto do Executivo de Pedro Sánchez cos seus socios de Cataluña e País Vasco, comunidades que non se ven obrigadas a acoller menores

Galicia non aceptará esta imposición e mantén o seu recurso ante o Tribunal Constitucional


Madrid, 8 de xullo de 2025

A Xunta trasladou hoxe o seu enfado e desconformidade  polo reparto inxusto e arbitrario de menores migrantes que quere impoñer o Goberno central e que, no caso de Galicia, supón o acollemento de 317 nenos e adolescentes . Así o fixo o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, na reunión da Comisión Sectorial da Infancia e Adolescencia convocada polo Ministerio de Xuventude e Infancia.

Tal e como ten reiterado en múltiples ocasións a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, a distribución anunciada polo Ministerio non responde a ningún tipo de coordinación nin planificación, senón que se trata dun reparto exclusivamente pactado cos socios do Executivo de Pedro Sánchez. A proba disto é que mentres que Galicia se vería obrigada a acoller 317 menores, Cataluña e País Vasco non recibirían ningún.

Ademais, o Goberno central confirmou que os custes do acollemento correrán integramente ao cargo das Comunidades Autónomas, posto que soamente ten previsto un financiamento inicial de tres meses para a preparación da chegada destes menores. Polo tanto, tal e como advertiu a Xunta, a nosa comunidade non recibirá fondos para garantir a atención e benestar destes nenos e adolescentes.

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, como representante da Xunta na reunión da Comisión Sectorial, insistiu en que Galicia non vai aceptar esta imposición e lembrou que xa se presentou un recurso ante o Tribunal Constitucional, xunto con outras dez Comunidades Autónomas que teñen gobernos tanto do PP como do PSOE. Este recurso xudicial presentado pola Xunta baséase, entre outras cuestións, en que o Goberno central está a invadir competencias autonómicas con este reparto obrigatorio regulado por Real Decreto-Lei, xa que a protección dos menores é exclusiva das comunidades.

Neste sentido, Jacobo Rey, apuntou que o sistema autonómico de protección ten, nestes momentos, unha sobreocupación do 108 %, polo que non está en condicións de facer fronte a máis acollementos. Así mesmo, censurou novamente que o Executivo central opte pola vía da imposición e renunciara ao diálogo e á negociación, como sempre se fixera ata o de agora.