Nova

A Xunta pon en valor o traballo da asociación Avelaíña a prol das persoas con enfermidades mentais nas zonas rurais

A directora xeral de Persoas con Discapacidade destacou que esta entidade promove actividades esenciais para garantir o benestar das persoas usuarias e fomentar a súa participación social


A Guarda (Pontevedra), 8 de xullo de 2025

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, visitou esta mañá aos usuarios da asociación para persoas con problemas de saúde mental Avelaíña na Guarda. Neste encontro, coñeceu as actividades que desenvolven no seu día a día e os servizos cos que contan para prestar asesoramento e atención no seo familiar e que supón un piar fundamental na contorna e nas zonas rurais.

Neste sentido, a directora xeral agradeceu o labor que desenvolve esta entidade social que promove toda unha serie de iniciativas e programas para impulsar a súa autonomía, fomentar a participación e interacción social e garantir unha atención especializada. Deste xeito, na xuntanza abordaron novas vías de colaboración, ao tempo que coñeceu os proxectos futuros nos que traballa a asociación.

Begoña Abeijón tamén destacou a colaboración entre a Xunta e a Federación de Asociacións de Familias e Persoas con Enfermidade Mental en Galicia (Feafes), da que forma parte a entidade Avelaíña e que é unha mostra máis do apoio institucional e do tecido asociativo para seguir reivindicando os dereitos e as necesidades das persoas con discapacidade e os seus achegados.