Nova

A Xunta salienta a importancia de seguir impulsando recursos en materia de igualdade, prevención e atención á violencia de xénero no ámbito rural

María Quintiana destacou o Plan integral de actuación para a renovación e o impulso dos Centros de Información á Muller (CIM) no que está a traballar o Goberno galego, así como a próxima posta en marcha de catro CIM móbiles


Lalín (Pontevedra), 8 de xullo de 2025

A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, puxo en valor hoxe as dúas décadas do Curso de Verán de Lalín como exemplo de que desde o rural “ha moito que dicir, moito que traballar e moito que reivindicar no ámbito da igualdade de xénero”. Fíxoo na inauguración dunha nova edición deste curso que leva por título Novas fronteiras na Igualdade de Oportunidades 2.0: Violencias—Redes Sociais—Consentimento—Coeducación, organizado polo Instituto de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e pola Oficina de Igualdade do Concello de Lalín, co apoio da Xunta de Galicia.

María Quintiana agradeceu o traballo de todos estes anos do Concello, da Oficina de Igualdade de Lalín e da USC, así como o compromiso de seguir dando pasos adiante para crear sociedades máis xustas e igualitarias. Ademais, destacou a necesidade de impulsar os recursos en materia de igualdade, así como en prevención e atención á violencia de xénero, tendo en conta as diferentes realidades e, polo tanto, necesidades que hai no ámbito rural con respecto ao urbano.

Neste sentido, a directora xeral destacou o Plan integral de actuación para a renovación e o impulso dos Centros de Información á Muller (CIM) no que está a traballar a Xunta. Tamén referiuse á próxima posta en marcha de catro CIM móbiles que percorrerán as zonas rurais de cada provincia e os campus das universidades galegas.

Expertos na materia

O curso desenvolvese desde hoxe ata o xoves no edificio polivalente de Lalín e conta coa participación de persoas expertas e profesionais que traballan cara a igualdade de oportunidades cun enfoque multidisciplinar. Algúns destes relatores son: Carmen Ruiz, profesora de Socioloxía da Universidade de Granada e experta en coeducación e violencia de xénero; Catia Faria, doutora en Filosofía Moral e Profesora na Universidade Complutense de Madrid; Paz Filgueira, maxistrada titular do Xulgado de Instrución nº 3 de Santiago de Compostela con funcións de violencia compartida; Iván Gómez Beltrán, historiador e doutor en Xénero e Diversidade; Mabel Lozano, directora, guionista, documentalista e activista; Octavio Salazar, catedrático de Dereito Constitucional da Universidade de Córdoba e membro da Rede Feminista de Dereito Constitucional ou Ángeles Rebollo Catalán, catedrática en Métodos de Investigación e Diagnóstico en Educación da Universidade de Sevilla e experta en coeducación e prevención da violencia de xénero.

A programación do curso inclúe conferencias e debates sobre A violencia e os homes de verdade, A expropiación patriarcal do corpo das mulleres, Feminismo antiespecista: Ética animal desde a perspectiva de xénero, A vulneración dos dereitos humanos a través da lexitimación das violencias sexuais; Pantallas e sombras: A violencia dixital e a pornografía na era da xeración Z; A ficción do consentimento sexual ou Coeducar para transformar: Competencias docentes fronte a violencia de xénero.