Nova
Fabiola García dá a benvida aos nenos saharauís que pasarán o verán en Galicia con familias de acollida no marco do programa ‘Vacacións en Paz’
Nesta edición son 305 os rapaces saharauís acollidos en fogares galegos de 100 concellos, con 70 familias acolledoras novas con respecto ao ano anterior
Vigo, 8 de xullo de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, recibiu esta mañá no aeroporto de Peinador a un grupo de nenas e nenos saharauís que participan no programa ‘Vacacións en Paz’. Na recepción, estivo acompañada da delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e da presidenta de Sogaps-Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, Maite Isla.
A Xunta achega máis de 200.000 euros a esta entidade para colaborar con eles no traslado destes menores a Galicia e a través de axudas para a cooperación. Este verán son 305 os rapaces saharauís acollidos en fogares galegos de 100 concellos, con 70 familias acolledoras novas con respecto ao ano anterior. Un dato que valorou positivamente a conselleira, ademais de poñer en valor o labor das familias que os acollen e o apoio que ofrece a Xunta de Galicia a esta iniciativa.
Durante a recepción, Fabiola García destacou, ademais, que Galicia é a terceira comunidade que acolle máis menores saharauís no verán, para afastalos das altas temperaturas que se rexistran nesta época na súa terra. A conselleira explicou que isto é posible grazas aos máis de trinta anos de estreita colaboración entre Sogaps e o Goberno galego.