Nova

A Xunta destaca os avances dos últimos anos na atención á discapacidade nunha nova edición da convivencia de familias de Special Olympics-Fademga

Reiterou o compromiso do Goberno galego ás entidades que traballan neste ámbito e puxo como exemplos o concerto social ou as axudas para programas e o mantemento de centros


O Carballiño (Ourense), 6 de xullo de 2025

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, destacou os avances conseguidos nos últimos anos na superación de barreiras que dificultan o desenvolvemento e integración das persoas con discapacidade intelectual. Díxoo na tradicional convivencia de familias organizada por Special Olympics Galicia e Fademga Plena Inclusión, que hoxe celebrou a súa vixésimo sétima edición no parque municipal do Carballiño.

Begoña Abeijón aproveitou o evento para reafirmar o apoio da Xunta ás entidades que traballan neste ámbito, por entender que son fundamentais para prestar unha atención especializada e adaptada ás necesidades de cada persoa. Así mesmo, destacou que este compromiso do Goberno galego se pon de manifesto en feitos concretos como a blindaxe de máis de 5.000 prazas de atención residencial e diúrna a través do concerto social ou as axudas para o financiamento de programas e o funcionamento de centros a través da liña de subvencións con cargo ao 0,7% do IRPF ou mediante a firma de convenios de colaboración específicos con cada entidade.

Así mesmo, sinalou que o pasado ano, a Administración galega creou 300 novas prazas públicas de atención diúrna, das cales 110 forman parte do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade de Ourense, que se puxo en marcha este mesmo ano.

A directora xeral tamén destacou a aposta da Xunta pola atención temperá, para detectar e previr problemas de desenvolvemento desde a primeira infancia. Neste sentido, destacou a ampla rede de unidades de atención temperá, con 51 centros que cobren máis de 200 concellos galegos. Así mesmo, referiuse a outros logros de cara a conseguir unha Galicia máis accesible en ámbitos como o laboral, o educativo ou o deporte.