Nova
A Xunta comprométese a seguir traballando para que Galicia sexa un referente na atención ás vítimas de violencia de xénero
Roberto Barba avanzou que o Executivo galego traballa na elaboración dun protocolo específico para a Policía Local para garantir a mellor intervención de proximidade
Ademais, a Administración galega elabora o primeiro documento para combater a violencia de xénero nas mulleres con discapacidade
Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2025
O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, compareceu esta mañá na Comisión 5º do Parlamento para facer balance das medidas de actuación da Xunta contra as violencias machistas. Durante a súa intervención, trasladou o compromiso do Executivo galego para seguir traballando para que Galicia siga sendo un referente na atención ás vítimas, con recursos e programas específicos.
O director xeral sinalou que os delitos sexuais e contra as mulleres rexistrados nos últimos anos sitúan a Galicia como unha das comunidades con menos casos rexistrados de violencia de xénero e de carácter sexual no conxunto do Estado. Con todo, Barba fixo fincapé na necesidade de seguir impulsando a colaboración interinstitucional, que é fundamental – sinalou- para previr e actuar ante calquera manifestación das violencias machistas.
Neste sentido, avanzou que o Executivo galego xa traballa na elaboración dun protocolo específico de actuación destinado ás Policías Locais e que recolle as pautas de actuación para garantir a mellor intervención posible na proximidade. Deste xeito, lembrou que a Xunta de Galicia tamén impulsa as mesas de coordinación locais. Nestes momentos, recalcou que estes recursos xa se estenden por máis de 160 concellos.
Así mesmo, o director xeral lembrou que a Xunta de Galicia está elaborando o primeiro protocolo específico para combater a violencia de xénero nas mulleres con discapacidade e que supón un paso máis na atención ás vítimas máis vulnerables e que tamén sofren as violencias machistas.
Roberto Barba tamén recordou os recursos cos que conta a comunidade galega tanto para a prevención como a sensibilización en materia de xénero. Así, volveu sinalar que Galicia foi o primeiro territorio en contar cunha prestación económica periódica anual para todas as vítimas de violencia machista. Tamén se referiu aos Centros de Información á Muller e os Quérote + que son imprescindibles, dixo, para ofrecer unha atención integral e de calidade a calquera muller que o precise.