Nova

A Xunta apoia con 116.000 euros actividades de 36 ANPAS e dúas federacións de pais e nais lucenses para fomentar a igualdade

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que as Anpas beneficiarias destas axudas convocadas pola Consellería de Política Social e Igualdade pertencen a 29 municipios lucenses

Os programas tamén buscan concienciar aos escolares sobre a prevención e loita contra a violencia de xénero


Lugo, 6 de xullo de 2025

A Xunta destina 116.200 euros a financiar actividades de fomento da igualdade dirixidas a escolares, organizadas por 36 Anpas e dúas federacións de nais e pais lucenses.

O delegado territorial, Javier Arias, explica que a Consellería de Política Social e Igualdade publica hoxe no DOG a resolución da orde de axudas a estes colectivos, co fin de que leven a cabo programas que tamén sensibilicen contra a violencia de xénero. As Anpas beneficiarias pertencen a 29 municipios de toda a provincia.

En canto ás accións planificadas, as propostas son variadas e abranguen dende escolas de familias ata programas lúdicos e educativos con videoxogos, música, baile, teatro ou radio. As TIC, as redes sociais e a formación afectivo-sexual tamén centran algúns dos proxectos, todos eles encamiñados a concienciar aos rapaces e rapazas sobre a igualdade.

A contía máxima das axudas é de 3.000 euros para as solicitudes presentadas de xeito individual e 6.000 para as asociadas, que se financian a través dos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

No conxunto de Galicia, estímase que a iniciativa chegará a uns 36.000 escolares que  participarán nas actividades de promoción da igualdade e de prevención e rexeitamento da violencia de xénero organizadas a través deste programa.