Nova

Martina Aneiros pon en valor o traballo da Fundación Santo Hospital de Caridad na atención ás persoas sen fogar

Lembra que ata o 9 de xullo está aberto o prazo de solicitude das axudas a entidades sociais para actividades de servizos sociais comunitarios e de inclusión social que xestiona a Consellería de Política Social e Igualdade


Ferrol, 3 de xullo de 2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada da xefa territorial de Política Social e Igualdade, María Blanco, visitaron esta mañá as instalacións do Refugio Pardo de Atín que xestiona a Fundación Santo Hospital de Caridad dedicada á obra benéfico-asistencial e centrada especialmente no albergue nocturno Refugio Pardo de Atín para persoas sen fogar. Actualmente ten unha capacidade para 42 persoas, ás que lles presta ademais servizos de almorzo e cea, lavandería ou atención sanitaria.

A Fundación foi unha das beneficiarias da última convocatoria de axudas a entidades privadas de iniciativa social para sufragar programas e iniciativas no ámbito da inclusión social, cunha achega autonómica de 100.000 €, destinada ó mantemento do Refugio Pardo de Atín que no ano 2024 rexistrou un total de 12.798 pernoitas nas súas instalacións.

Xunto á Fundación Santo Hospital de Caridad, en Ferrol resultaron beneficiarias na última convocatoria destas axudas Cáritas Diocesana Mondoñedo-Ferrol, a Cocina Económica e a asociación Patronato Concepción Arenal cun apoio da Xunta por importe de case 964.000 €.

Durante a visita, a delegada territorial aproveitou a ocasión para poñer en valor o traballo que desenvolve a Fundación Santo Hospital de Caridad á hora de atender as necesidades de persoas que non teñen un fogar e se atopan en situación de vulnerabilidade. “Con estas axudas o Goberno galego dá continuidade á súa colaboración co tecido asociativo, coa finalidade de chegar a todos aqueles que atravesan unha situación complicada e precisan de apoio”, indicou Martina Aneiros.

Convocatoria aberta

Aneiros lembrou que as entidades do terceiro sector de acción social teñen de prazo ata o 9 de xullo para presentar as solicitudes á convocatoria de 2025-2027 que conta cun orzamento de 20,8 M€, a cifra máis alta na historia da Comunidade, para actividades de servizos sociais comunitarios e de inclusión social. Esta convocatoria potencia novamente as medidas centradas na atención ás persoas sen fogar, cunha liña de achegas para apoialas e facilitar a súa inclusión residencial.