Nova
A Xunta consolida o liderado de Galicia na educación infantil cunha nova orde de axudas para a gratuidade nas escolas privadas e de iniciativa social
Fabiola García sinalou que o Executivo galego financiará con 47 millóns de euros a totalidade das prazas de 0 a 3 anos que non forman parte da rede pública
Esta medida pioneira beneficiará a máis de 32.000 familias galegas e suporalles un aforro medio de ata 3.000 euros
A Coruña, 1 de xullo de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá a escola infantil Carmen Cervigón, da entidade social Padre Rubinos, para facer balance do curso que remata a finais deste mes. Alí, sinalou que a Administración autonómica segue traballando para consolidar un ano máis o liderado de Galicia na educación de 0 a 3 anos, polo que o Consello da Xunta celebrado onte deu luz verde a unha nova orde de achegas para financiar a gratuidade das escolas privadas e de carácter social.
A conselleira explicou que grazas a esta nova convocatoria, para a que o Executivo galego destina 47 millóns de euros, suporá que o 100% das prazas de educación infantil das escolas que non forman parte da rede pública volvan ser totalmente gratuítas. Este próximo curso será o cuarto no que se aplique esta medida impulsada pola Xunta e que xa beneficia a máis de 32.000 familias, permitíndolles aforrar de media ata 3.000 euros ao ano.
Fabiola García fixo fincapé en que a gratuidade das escolas de 0 a 3 anos permitiu que a comunidade galega acadase o récord estatal de escolarización nesta etapa, situándose preto do 65%. Neste sentido, lembrou que “Galicia se sitúa 15 puntos por enriba da media nacional” e que conta ademais, dixo, co programa de gratuidade máis ambicioso: con oito horas diarias ao longo de 11 meses.
Ademais, a conselleira destacou que a Xunta de Galicia inviste 65 millóns de euros de fondos propios para financiar o programa de gratuidade das escolas infantís; mentres que o Goberno central, pese as súas promesas electorais, “non aporta nin un só euro a esta medida que é fundamental para o benestar das familias e a súa conciliación”.