Nova
A Xunta participa na entrega de diplomas aos maiores que participaron nos cursos de novas tecnoloxías impulsados pola Favec
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria destacou que o Executivo galego colabora economicamente con esta entidade para a posta en marcha de diferentes programas e actividades
Vigo, 30 de xuño de 2025
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou esta mañá na entrega de diplomas aos alumnos do curso Uso do móbil e internet para maiores que impulsou a Federación de Asociacións de Veciños de Vigo Eduardo Chao (Favec) e que contou co apoio económico da Xunta de Galicia, que colabora con esta entidade na posta en marcha de diferentes programas e iniciativas.
Antón Acevedo sinalou que a Favec é unha entidade local de referencia á hora de impulsar actividades que fomenten o envellecemento activo e saudable entre a veciñanza. Así, destacan os cursos de alfabetización dixital, as viaxes culturais ou o activismo social. Nesta liña, lembrou que este tipo de accións son tamén fundamentais para garantir a conexión interxeracional e o intercambio de experiencias entre os maiores e os máis novos da contorna.
Ademais, o director xeral felicitou ao alumnado polo seu empeño para seguir formándose e demostrando que a idade non é unha barreira. Acevedo tamén agradeceu o labor que desenvolve a Federación e trasladou o compromiso da Xunta de Galicia para seguir traballando da man do tecido asociativo para impulsar novas iniciativas destinadas aos maiores.