Nova
Manuel Pardo destaca o compromiso da Xunta a prol do envellecemento activo e saudable a través da iniciativa ‘Benestar en Balnearios’
O delegado territorial destacou que a Consellería de Política Social e Igualdade destinou a esta convocatoria máis de 331.000 euros, o que supón un 10% máis de orzamento que na pasada edición
Esta iniciativa é unha mostra máis do compromiso do Goberno galego para garantir o envellecemento activo e saudable das persoas maiores, contribuíndo ao seu benestar e a evitar situacións de dependencia ou soidade non desexada
Manuel Pardo sinalou a importancia dos recursos naturais e culturais da provincia de Ourense, que camiñan a carón da sustentabilidade como criterio para alcanzar unha mellor calidade de vida
O programa ‘Benestar en Balnearios’ vai dirixido a persoas maiores de 60 anos ou maiores de 55 anos en condición de pensionista
Manuel Pardo informou que o prazo de inscrición está aberto ata o 16 de xullo de forma online na sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencial en calquera rexistro oficial, así como en calquera outro rexistro administrativo ou Oficina de Correos
Ourense, 30 de xuño de 2025
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao concello da Arnoia para visitar, da man do seu alcalde, Rodrigo Aparicio, o balneario Arnoia Caldaria Hotel, un dos cinco establecementos beneficiarios da 11ª edición do programa ‘Benestar en Balnearios’ que contan coa financiación da Xunta do 48% de estadías de 10 días en réxime de pensión completa dende xullo ata decembro de 2025 para persoas da nosa comunidade maiores de 60 anos e pensionistas maiores de 55 anos, xunto a un acompañante.
O programa tamén inclúe, na provincia de Ourense, os balnearios Hotel Laias Caldaria, no concello de Cenlle; Lobios Caldaria, con aloxamentos no Hotel Lusitano e no Hotel Balneario, no concello de Lobios e o Gran Balneario do Carballiño, con aloxamento na Residencia de Tempo Libre do Carballiño.
O delegado territorial lembrou que dende o pasado día 17 está aberto o prazo de presentación de solicitudes para o programa ‘Benestar en Balnearios’ ata o día 16 de xullo, que deberán facer os interesados preferentemente por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. De maneira opcional, tamén poderanse presentar por rexistro administrativo ou Oficina de Correos.
Manuel Pardo destacou que a Xunta de Galicia destinou a esta convocatoria máis de 331.000 euros, o que supón un 10% máis de orzamento que na pasada edición, e na que se aumentaron as prazas dispoñibles ata superar as 1.275. Neste sentido, esta iniciativa para o delegado territorial, “é unha mostra máis do compromiso do Goberno galego para garantir o envellecemento activo e saudable das persoas maiores, contribuíndo ao seu benestar e a evitar situacións de dependencia ou soidade non desexada”.
O representante do Goberno galego rematou poñendo en valor a colaboración da Consellería de Política Social e Igualdade co turismo, co obxectivo de situar a Galicia como destino termal ademais de destino turístico, e sinalou a importancia dos recursos naturais e culturais da provincia de Ourense, que camiñan a carón da sustentabilidade como criterio para alcanzar unha mellor calidade de vida.