Nova

A Xunta amplía a súa colaboración con Agaela coa sinatura dun convenio de 100.000 € que permitirá atender a pacientes a domicilio en toda Galicia

Fabiola García felicitou á asociación pola concesión da Medalla Castelao, que recibirá mañá en Santiago en recoñecemento ao seu apoio e compromiso coas persoas afectadas pola ELA

A conselleira lembrou que o Goberno galego está a tramitar unha nova orde de axudas para este ano dirixida a persoas diagnosticadas con ELA, mentres que o Executivo central segue sen dotar de fondos a nova lei estatal


A Coruña, 27 de xuño de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, asinou esta tarde con Agaela un convenio dotado con 100.000 euros e co que a Xunta de Galicia colaborará no financiamento do proxecto VivELAdigna. Esta iniciativa impulsada pola entidade permitirá contratar persoal especializado para atender a pacientes de ELA a domicilio en toda Galicia.

Concretamente, o convenio asinado permitirá a creación de equipos itinerantes formados por un psicólogo e un fisioterapeuta que realizarán un seguimento e asesoramento especializado dos pacientes. Ademais, os profesionais tamén achegarán pautas para a capacitación das persoas coidadoras e a formación de persoas con ELA, así como dos seus familiares (como, por exemplo, técnicas de mobilización e hixiene postural, apoio emocional, información sobre recursos sociais e sanitarios...). A periodicidade das visitas será mensual, aínda que podería aumentarse segundo os casos.

A conselleira de Política Social e Igualdade aproveitou a visita para felicitar a Agaela pola concesión dunha Medalla Castelao, que mañá será entregada polo Presidente da Xunta. Fabiola García incidiu en que se trata dun recoñecemento “moi merecido” a unha entidade que traballa desde 2009 para visibilizar a ELA e mellorar a calidade de vida dos afectados.

Tras a sinatura do convenio, a conselleira lembrou que o Goberno galego está a tramitar unha nova orde de axudas para este ano dirixida a persoas diagnosticadas con ELA. Esta será a terceira convocatoria destas axudas, que teñen unha contía de 12.000 euros anuais e que benefician a uns 200 doentes. Galicia é a primeira comunidade que desenvolve unha medida como esta, que ten como obxecto apoiar economicamente ás familias nas necesidades que van xurdindo na evolución desta doenza.

Galicia tamén puxo en marcha dun proceso asistencial integrado para axilizar a atención. Este procedemento dá prioridade ás persoas con ELA a nivel sanitario, para axilizar o diagnóstico, e a nivel social, coa creación dunha vía preferente para a valoración da situación de dependencia e así poidan acceder a un servizo no menor tempo posible.  Por último, Fabiola García insistiu na necesidade de que o Goberno central dote de financiamento a Lei ELA, en vigor desde novembro do ano pasado.