Nova
A Xunta pon en valor o papel das familias e do tecido asociativo nos avances acadados no ámbito da discapacidade ao longo das últimas décadas
Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2025
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, participou esta mañá no encontro anual de familias de persoas con discapacidade intelectual que organiza Fademga Plena Inclusión. Alí, agradeceu e puxo en valor o papel das familias ao longo das últimas décadas como o piar fundamental do movemento asociativo. Neste senso, asegurou que as familias e o tecido asociativo foron fundamentais en cada avance acadado no ámbito da discapacidade, garantindo os seus dereitos e dándolles visibilidade.
Begoña Abeijón agradeceu o labor que desenvolve Fademga, unha federación de referencia que conta con máis de 40 anos de traxectoria e que acolle asociacións con máis de 60 anos de percorrido. Neste senso, destacou que a alianza entre as administracións públicas e o tecido asociativo logrou situar na axenda pública as necesidades das persoas con discapacidade. Por iso mesmo, trasladou o compromiso da Xunta para seguir traballando neste camiño e consolidar os dereitos acadados nos últimos anos.