Nova

Declaración institucional da Xunta de Galicia con motivo do Día Internacional do Orgullo LGTBI, o 28 de xuño de 2025


Son moitas as persoas que nalgún momento da súa vida tiveron que ser invisibles, sen poder vivir coa liberdade de ser, existir ou amar no seu día a día. Por iso hoxe, a Xunta de Galicia, neste Día internacional do Orgullo LGBTI, pon o foco nas historias de vidas diversas que non quedaron rexistradas, pero que existiron.

Visibilizar e celebrar o valor da diversidade é sempre imprescindible, e cando falamos da diversidade sexual, aínda máis, porque foi un valor que durante tempo foi rexeitado. Por iso, temos a obriga de devolverlle á diversidade o espazo que merece dentro da historia da Galicia Orgullosa.

Porque a Galicia Orgullosa é a Galicia que reivindica os dereitos das persoas LGBTI, a Galicia que se esforza para que todos os espazos sexan seguros, e a Galicia que se une para construír unha sociedade máis igualitaria. Esta Galicia é tamén a que recoñece a dor e as discriminacións sufridas polas persoas do colectivo LGBTI para tratar de reparalo.

Para iso precisamos políticas públicas que acompañen e normativas que sigan avanzando para blindar a igualdade de trato e a non discriminación das persoas LGBTI. Porque mentres que exista unha soa discriminación ou violencia LGBTIfóbica quererá dicir que seguimos fallando como sociedade, e Galicia non quere nin pode permitilo.

Imos seguir sempre dando pasos adiante en conxunto: institucións públicas, entidades privadas e movemento asociativo. Xusto a elas, ás asociacións, a Xunta de Galicia quere recoñecerlle e agradecerlle todo o traballo e compromiso que levan demostrando durante as últimas décadas.

Por todo isto, neste día de reivindicación e de celebración, nace un proxecto único na nosa Comunidade: Historias LGBTI da Galicia Orgullosa. Un arquivo vivo e aberto a toda a cidadanía para acoller as vidas de onte, hoxe e mañá, e así tecer o relato máis amplo, xusto e diverso da Galicia Orgullosa. Porque reparar na historia é reparar a historia. Unha historia da Galicia Orgullosa que lembra, coida e avanza.