Nova
Fabiola García traslada o compromiso da Xunta para seguir impulsando a formación sénior como garante dun envellecemento activo
Na súa intervención, felicitou ao alumnado e aos voluntarios que participaron neste curso nas diferentes actividades impulsadas por Ategal
Ademais, lembrou que a Xunta de Galicia destina 200.000 euros a esta entidade para o vindeiro curso co obxectivo de chegar a 1.200 usuarios
Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, participou esta mañá na clausura do curso académico 2024/2025 das aulas sénior de Ategal, no que tamén estiveron presentes o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo; o presidente de Ategal, Ángel Fagilde; e a directora da entidade, Paula Sande. Durante o acto, conversou cos maiores que participaron ao longo deste ano nas diferentes actividades e trasladoulles o compromiso da Xunta para seguir impulsando a formación na terceira idade como garante para o envellecemento activo.
Fabiola García tamén trasladou os parabéns do Executivo galego a todo o alumnado e voluntariado que formou parte das diferentes formacións impartidas por Ategal en toda Galicia ao longo deste curso. Unha mostra máis – dixo- de que facerse maior no século XXI non ten que ver co que acontecía antes. Así, recalcou que “na sociedade actual, moitas persoas chegan á xubilación con ganas de ter unha vida activa, chea de oportunidades e novas experiencias”.
Neste sentido, recordou que a Xunta leva anos traballando para ofrecer novas alternativas aos maiores que fomenten o seu envellecemento activo e saudable, con iniciativas centradas tamén na interacción social, no intercambio de experiencias ou na saúde. Deste xeito, fixo mención a estas Aulas Sénior de Ategal, aos convenios coas universidades galegas para as formacións do IV Ciclo, ao programa Benestar en Balnearios ou a iniciativa Xuntos polo Nadal.
Ademais, na súa intervención, a conselleira agradeceu o traballo que leva desenvolvendo Ategal nos seus 40 anos de traxectoria e comprometeuse a seguir traballando da man para rachar cos estereotipos sobre a idade e mellorar o día a día das persoas maiores. Por iso mesmo, lembrou que a Xunta de Galicia renovou o seu convenio con esta entidade para o próximo curso cunha achega de 200.000 euros e o obxectivo de chegar a máis de 1.200 usuarios.