Nova

A Xunta financia con preto de 470.000 euros as obras para a construción do futuro fogar residencial da Gudiña

As actuacións que se están desenvolvendo permitirán crear 14 prazas para a atención de persoas maiores da contorna


A Gudiña (Ourense), 25 de xuño de 2025

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou as obras que está desenvolvendo o concello da Gudiña para a construción do futuro fogar residencial. A Xunta de Galicia destina preto de 470.000 euros para estas actuacións, cuxo custo total ascende a 885.000 euros e que conta tamén co apoio económico da Deputación de Ourense.

Na visita, na que tamén participaron o alcalde da Gudiña, Nestor Ogando, e o deputado provincial, José María Lago, o xerente do Consorcio destacou que estas obras forman parte do Plan de Investimentos impulsado pola Xunta de Galicia tras un acordo coa Fegamp e para o que o Executivo autonómico destina 18,5 millóns de euros de fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (NextGenerationEU).  A través deste Plan, finánciase unha vintena de proxectos de construción, reforma ou ampliación de residencias, centros de día, vivendas comunitarias e centros sociais municipais, especialmente nas zonas rurais co obxectivo de dotalas deste tipo de servizos.

No caso concreto da Gudiña, a rehabilitación de tres edificios permitirá crear un fogar residencial de 14 prazas de atención destinadas aos maiores da contorna. Deste xeito, a planta baixa do novo recurso estará destinada ás zonas comúns de comedor, cociña, un despacho médico e a enfermería; mentres que a primeira planta concentraría as habitacións dos usuarios.

Perfecto Rodríguez sinalou que grazas ao proxecto e á colaboración da Xunta e da Deputación de Ourense, este concello ourensán contaría co seu primeiro recurso municipal destas características e que ademais supón un gran paso para a conciliación no rural.