Nova
María José Gómez destaca o labor de Agadea na atención de persoas con alzhéimer desde o rural
A conselleira do Medio Rural visitou en Vedra as instalacións desta entidade, recoñecida o pasado ano co primeiro premio ao Desenvolvemento Rural da Xunta na categoría de Proxectos de interese social
Valorou e agradeceu o traballo desta asociación, que segundo salientou contribúe de xeito moi positivo e directo a mellorar a calidade de vida das persoas que padecen esta enfermidade e ofrece unha rede de apoio para os seus familiares
Vedra (A Coruña), 25 de xuño de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, e polo alcalde de Vedra, Carlos Martínez, visitou este mediodía as instalacións da Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencia Tipo Alzhéimer (Agadea). Alí destacou o labor desta entidade para prestar atención especializada desde o rural.
No acto, Gómez valorou e agradeceu o traballo desta asociación, que segundo salientou contribúe de xeito moi positivo e directo a mellorar a calidade de vida das persoas que padecen esta enfermidade, ao mesmo tempo que ofrece unha rede de apoio para os seus familiares. Ademais, a conselleira puxo en valor que este traballo se realice “dende o rural, achegando o servizo onde máis se precisa”. E engadiu que deste xeito se favorece unha atención a estas persoas no seu lugar de residencia, sen necesidade de que teñan que trasladarse á cidade ou prescindir del.
Na mesma liña, Gómez subliñou que Agadea desenvolve actividades de rehabilitación no fogar dos usuarios e tamén en instalacións como esta de Vedra, un centro de día para persoas maiores con servizo de estimulación terapéutica. Asemade, remarcou que esta entidade social atende a máis de 600 persoas en nove concellos da Contorna de Santiago de Compostela.
A conselleira puido coñecer in situ os servizos que presta a entidade, así como as actividades terapéuticas, os programas de estimulación e as dinámicas comunitarias que se realizan a diario. Ademais, a titular de Medio Rural mantivo un breve encontro coas persoas usuarias e co equipo de profesionais que os atende.
Premio ao desenvolvemento rural
Por estas razóns, salientou Gómez, esta entidade foi recoñecida o pasado ano co primeiro premio ao Desenvolvemento Rural da Xunta na categoría de Proxectos de interese social. Con estes galardóns, a Consellería do Medio Rural busca precisamente poñer en valor o papel deste tipo de entidades como Agadea na dinamización social, económica e cultural do noso agro, remarcou a conselleira.
Trátase, explicou Gómez, de apoiar a participación privada no proceso de desenvolvemento rural, especialmente con iniciativas que contribúan a conservar e dinamizar o contorno rural, facendo del un medio máis atractivo. Por iso prémianse proxectos en diferentes categorías, como paisaxe rural, recuperación da terra agraria, sector agrogandeiro, mulleres, innovación tecnolóxica, turismo, mocidade e proxectos de interese social (na que resultou gañadora Agadea).
Neste sentido, a conselleira concluíu que entidades como Agadea “amosan que o rural galego está vivo e cheo de oportunidades” e de que constitúe un espazo axeitado para emprender e levar a cabo novas iniciativas, neste caso do ámbito social, que merecidamente recibiron o recoñecemento institucional.