Nova

Fabiola García pon en valor que Galicia supera as previsións de crecemento demográfico, incrementando a súa poboación en 10.700 persoas no último ano

Destaca que Galicia rexistrou no mes de maio 1.187 nacementos, o que supón un incremento de case un 17% con respecto ao mesmo período de 2024


Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, puxo en valor esta mañá que Galicia conseguiu frear as previsións demográficas, experimentando un mellor comportamento do prognosticado polos organismos oficiais. Deste xeito, lembrou que en 2014 o Instituto Galego de Estatística (IGE) estimaba que en 2025 vivirían en Galicia 2.597.861 persoas e hoxe a comunidade conta con 120.000 habitantes máis.

En resposta a unha interpelación no Parlamento, a conselleira destacou que Galicia logrou gañar poboación ata superar os 2,71 millóns de habitantes, sumando só no último ano 10.700 persoas e un total de 22.700 habitantes desde a aprobación en 2021 da Lei de Impulso Demográfico. Ademais, sinalou outros datos positivos como que a esperanza de vida sitúase actualmente en máximos históricos, chegando aos 83,95 anos, ou que no mes de maio Galicia rexistrou 1.187 nacementos, o que supón un incremento de case un 17% con respecto ao mesmo mes de 2024.

Fabiola García puxo en valor o traballo desenvolvido nos últimos anos polo Goberno galego, co deseño de medidas pioneiras que teñen como obxectivo atraer poboación e apoiar ás familias. Por exemplo, lembrou a gratuidade total das escolas infantís, da que se poden beneficiar cada curso máis de 32.000 familias grazas ao investimento da Xunta de 65M€ de fondos propios. Entre outras iniciativas, destacou a Tarxeta Benvida, con 110.000 galegos beneficiados desde a súa posta en marcha, a rede de Casas Niño e Casas de Maior no rural ou o Bono Concilia Familia, que chegou a máis de 15.000 familias na última convocatoria.

Por último, a conselleira fixo fincapé en que Galicia foi a primeira comunidade en dotarse en 2021 dunha Lei de Impulso Demográfico, que ten permitido crear servizos no rural, afondar no retorno dos galegos na diáspora, dar opcións ás persoas maiores para poder vivir no seu lugar de sempre, xerar novas oportunidades de emprego e formación e impulsar medidas de conciliación.