Nova
Fabiola García comprométese co alcalde de Palas de Rei a seguir reforzando os recursos de atención aos maiores
Nesta xuntanza, sinalou que o Executivo galego financia case medio cento de prazas públicas de atención a maiores e destina 390.000€ para o Bono Coidado no Fogar
Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, mantivo recentemente unha reunión de traballo co alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, na que lle trasladou o compromiso da Xunta de Galicia para seguir reforzando os recursos públicos de atención aos maiores e impulsando novas iniciativas para o seu día a día.
Nesta xuntanza, Fabiola García sinalou que a Xunta de Galicia financia preto de medio cento de prazas públicas de atención residencial entre os veciños deste municipio. Así mesmo, lembrou que o Executivo galego destina 390.000 euros en Palas de Rei para o Bono Coidado no Fogar, unha achega directa de 5.000 euros ao ano a todas as persoas que desexan ser coidadas nas súas vivendas por unha persoa da súa contorna.
Neste sentido, a conselleira de Política Social e Igualdade indicou que a Xunta de Galicia mantén unha estreita colaboración coas Administracións locais para seguir reforzando os servizos sociais e atendendo as súas necesidades.