Nova
A Xunta destaca que a nova unidade de atención temperá de Miño, Pontedeume e Vilarmaior inicia a súa actividade prestando un servizo gratuíto a unha vintena de familias
A directora xeral de Persoas con Discapacidade lembrou que esta é unha das seis unidades novas creadas a través a última orde de axudas destinadas a concellos e mancomunidades
Begoña Abeijón sinala que Galicia suma 51 recursos destas características que ofrecen atención e acompañamento a preto de 6.000 familias
Miño (A Coruña), 21 de xuño de 2025
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, visitou esta mañá a nova unidade de Atención Temperá dos concellos de Miño, Pontedeume e Vilarmaior. Esta é un dos seis novos recursos creados pola Xunta de Galicia a través da última orde de axudas para concellos e mancomunidades e xa presta servizo a unha vintena de familias da contorna.
Begoña Abeijón sinalou que este servizo conta cun equipo multidisciplinar de profesionais composto por un logopeda, unha persoas especialista en psicoloxía e outra en terapia ocupacional. Neste sentido, puxo en valor o traballo que desenvolven estas unidades que prestan un servizo fundamental ás familias con nenas e nenos de ata seis anos e que presentan algún tipo de problema ou trastorno de desenvolvemento.
A directora xeral destacou que a Xunta de Galicia financia anualmente este servizo con 134.000 euros para consolidar o seu funcionamento. Así, na súa visita coñeceu a metodoloxía e funcionamento desta unidade que se centra na implicación de todas as familias nas terapias e na realización de intervencións na contorna máis próxima dos cativos.
Neste sentido, lembrou que Galicia suma nestes momentos 51 unidades de Atención Temperá en 200 concellos. Uns servizos que ofrecen atención, acompañamento e asesoramento a preto de 6.000 familias. Deste xeito, recalcou que a Xunta vai seguir traballando para incrementar estes recursos e chegar a máis galegos.