Nova

A Xunta enxalza o labor das entidades sociais a prol dos dereitos das persoas con ELA e a visibilización desta doenza

Antón Acevedo lembrou que Galicia foi a primeira Comunidade Autónoma en contar cunha achega económica anual para os doentes


Monforte de Lemos (Lugo), 22 de xuño de 2025

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou esta mañá na Marcha solidaria polo Día Mundial da ELA, que este ano se celebrou en Monforte de Lemos. Durante a acto, puxo en valor o labor das entidades sociais que traballan a prol dos dereitos das persoas con ELA e contribúen a dar visibilidade a súa situación.

A asociación Agaela escolleu este ano a Cidade do Cabe para levar a cabo a súa tradicional andaina para homenaxear a Germán Macía, veciño de Monforte de Lemos que faleceu no ano 2017 a causa da ELA. Neste sentido, Antón Acevedo destacou que os avances logrados nos últimos anos foi grazas ao esforzo e o compromiso das familias e dos doentes.

Nesta liña, o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria lembrou o compromiso que mantén a Xunta de Galicia desde hai anos con todos os doentes e que permitiu que a comunidade galega fose pioneira no conxunto do Estado á hora de conceder unha prestación económica anual de 12.000 euros co obxectivo de afrontar os custos derivados da enfermidade. Así mesmo, sinalou que tal e como anunciou o presidente do Executivo autonómico esta semana, en breve publicarase unha nova convocatoria destas achegas para o ano 2025 cun orzamento inicial de 2,4 M€.