Nova

A Xunta márcase como obxectivo que Galicia manteña por terceiro ano consecutivo o liderado de escolarización na etapa 0-3 de educación infantil

O programa de gratuidade impulsado polo Goberno galego sitúa a taxa de escolaridade neste ciclo no 60,6%, case 13 puntos por riba da media española e superando xa os obxectivos marcados por Europa para 2030


Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2025

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, destacou hoxe que Galicia conseguiu por segundo ano consecutivo o liderado en escolarización da etapa de educación infantil 0-3 en toda España. Sinalou, ademais, que o obxectivo para o vindeiro curso é seguir mantendo esta posición de Galicia por terceiro ano consecutivo.

Na súa comparecencia, que realizou a petición propia na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego da Cámara galega, Jacobo Rey fixo balance do curso 2024-2025 na rede de escolas infantís, un período que se desenvolve con normalidade na rede de 0-3 de Galicia, conformada por máis de 550 escolas infantís repartidas polas catro provincias.

O director xeral puxo en valor que este foi o terceiro ano consecutivo de implantación do programa de gratuidade na atención educativa ao 100% do alumnado matriculado, un programa que cualificou como “pioneiro” e no que Galicia “é referente en España e modelo a imitar por  outras comunidades autónomas”. Neste sentido, lembrou que a Xunta destina 65M€ de fondos propios a manter este programa, sen contribución do Goberno central, que permitiu dotar a Galicia dunha rede con máis de 32.000 prazas neste primeiro ciclo de educación voluntaria e grazas ao que o aforro medio por familia acada os 3.000 euros ao ano.

Sobre esta cuestión, Jacobo Rey destacou que os datos oficiais poñen de manifesto que Galicia conseguiu por segundo ano consecutivo o liderado en escolarización 0-3 en toda España, acadando unha taxa de escolaridade do 60,6%, case 13 puntos por riba da media española (48,0%).

Por último, o director xeral fixo fincapé en que Galicia cumpre xa os obxectivos que marca a Unión Europea para 2030, que sitúa no 45% a taxa de escolarización. “Seis anos antes, Galicia xa supera en máis de 15 puntos o obxectivo da UE e conta con índices equiparables aos países cos maiores índices de benestar do mundo”, engadiu.