Nova

Fabiola García esixe ao Goberno central que dote a Galicia de fondos para desenvolver a estratexia estatal LGBTI

Cabe recordar que o Goberno central vén de recortar 2,3M€ en materia de igualdade no Plan Corresponsables, un programa no que impón ás comunidades a corresponsabilidade financeira

A conselleira lembra que a estratexia inclúe cuestións con competencias transferidas ás comunidades, polo que moitas das medidas que se recollen xa están sendo implementadas en Galicia


Madrid, 18 de xuño de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reclamou hoxe ao Goberno central que achegue fondos ás comunidades autónomas para o desenvolvemento da Estratexia Estatal para a Igualdade de Trato e non Discriminación das Persoas LGTBI+. Reclamouno despois de que o Ministerio de Igualdade confirmase na reunión preparatoria da Conferencia Sectorial de Igualdade celebrada hoxe que en materia de fondos LGBTI non habería “cooperación institucional”, unha postura que volveu manter este mesmo mediodía. Por iso mesmo, Galicia abstívose na votación deste punto.

Na súa intervención, Fabiola García insistiu en que “é imprescindible” que o Goberno central aporte fondos ás comunidades autónomas para que esta estratexia, que supón un avance para os dereitos das persoas LGBTI, non quede en papel mollado, como está a suceder coa lei ELA ou cos constantes recortes en materia de dependencia, onde a débeda acumulada supera os 2.500M€. Unha situación que se ve agravada pola falta de presupostos estatais.

Cabe recordar que o Goberno central vén de recortar 2,3 millóns de euros de orzamento a Galicia en materia de igualdade a través do Plan Corresponsables, unha cantidade que a Xunta terá que asumir con fondos propios. Neste sentido, o Goberno non pode impoñer corresponsabilidade financeira nuns asuntos, como é o caso do Plan Corresponsables, e ao mesmo tempo dicir un non rotundo a aportar fondos para políticas LGBTI nas comunidades autónomas, asegura a conselleira.

Sobre a estratexia LGBTI, Fabiola García, ademais de agradecer o traballo de entidades e diferentes departamentos das Administracións públicas, lembrou que a estratexia inclúe cuestións con competencias transferidas ás comunidades, polo que moitas das medidas que se recollen xa están sendo implementadas na nosa Comunidade. Neste sentido, Galicia foi pioneira no ano 2014 ao ter unha lei propia que consolida o principio de igualdade para as persoas LGBTI. Ademais, puxéronse en marcha numerosas accións con impacto positivo na vida da comunidade LGBTI, como recentemente a aprobación do protocolo sanitario para la atención de persoas trans en Atención Primaria e o protocolo de atención a persoas LGBTI no Centros de Información á Muller (CIM), ambos os dous documentos aprobados no seo do Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero.

Acreditación de situacións de violencia sexual

Na sectorial tamén se abordou o procedemento básico para a acreditación das situacións de violencias sexuais. Sobre este punto, e para facilitar as axudas necesarias ás vítimas, Fabiola García reclamou que se dea acceso a Galicia ao SIRAJ (Sistema de Rexistro Xudicial), ao obxecto de poder comprobar se a documentación está vixente e poder facilitar a achega. A conselleira lembrou que a Xunta ten solicitado ao Goberno este acceso pero foi denegada, algo difícil de comprender cando se é a comunidade a que facilita a axuda deber ser tamén a comunidade a que cotexe se está todo correcto. Ademais, solicitou que esta acreditación sexa finalista, de igual xeito que o é a acreditación de vítima de violencia de xénero. Así, a conselleira solicitou que se mellorase o procedemento para que o voto de Galicia non tivese que ser negativo. Neste sentido, e vendo que a maioría das comunidades tiveron o mesmo posicionamento, o Ministerio recoñeceu que entende as preocupacións das comunidades e solicitou 10 días para mellorar este procedemento e poder chegar a un acordo.