Nova
O programa Xantar na Casa da Xunta amplía o número de concellos adheridos coa entrada do de Cerdido
Inicialmente, dez persoas poderanse beneficiar desta iniciativa, que garante unha dieta saudable e equilibrada durante toda a semana
A través deste programa repártanse 17.500 menús semanais a domicilio por toda Galicia
Cerdido (A Coruña), 17 de xuño de 2025
A Xunta sumou hoxe a un novo concello ao seu programa Xantar na Casa. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, asinou hoxe co alcalde de Cerdido, Alberto Rey, o convenio de adhesión do municipio a esta iniciativa que garante unha alimentación saudable, equilibrada e adaptada ás necesidades de persoas maiores que viven soas, con dependencia ou en risco de exclusión social. Ao acto tamén asistiu a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros.
Inicialmente, ata dez veciños da localidade poderán beneficiarse deste programa, que poderían aumentarse nun futuro en función da demanda que exista. O xerente do Consorcio explicou que son os servizos sociais municipais os que se encargan de seleccionar aos beneficiarios do servizo, que reciben no seus fogares o menú para os sete días das semana, festivos incluídos.
O prezo de cada menú é de 7,32 euros. No seu financiamento participa a Xunta, que achega 3,42 euros; o concello, que asume 1,95 euros e a persoa beneficiaria, que abona tamén 1,95 euros. A comida repártese nos domicilios nunha única entrega, polo que os destinatarias teñen que quentala antes de consumila. Ademais, o programa facilita neveira e microondas no caso de que os fogares dos beneficiarios non dispoñan deles.
Na actualidade, o Xantar na Casa chega a máis de 2.500 persoas e a 200 concellos de toda Galicia, repartíndose máis de 17.000 menús semanais.