Nova
A Xunta colabora coa organización do festival musical a Ponte Farruca, un encontro referente coa igualdade e a diversidade no rural
A nova edición deste encontro celebrarase en Laza os días 15, 16 e 17 de agosto e contará coa presenza de numerosos artistas do panorama musical galego e portugués
Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2025
A Xunta de Galicia colabora coa organización do festival Ponte Farruca, que celebrará a súa cuarta edición en Laza os días 15, 16 e 17 de agosto. Trátase dun encontro cultural e musical que está consolidado no panorama cultural galego como un referente no compromiso coa igualdade de xénero e a diversidade sexual no rural.
O festival Ponte Farruca supón un encontro lúdico cultural no que se mestura a música, a tradición e o compromiso social, sempre dando visibilidade aos dereitos das mulleres e do colectivo LGTBI nos espazos rurais como parte esencial da transformación social. Deste xeito, a Xunta de Galicia destaca que este evento é unha mostra máis da colaboración entre a Administración e os axentes sociais para seguir traballando na promoción da igualdade e da diversidade sexual.
Actividades para reivindicar a igualdade e a diversidade
Durante a celebración do festival, as persoas asistentes poderán desfrutar de numerosas actividades e obradoiros, así como asistir aos concertos de artistas recoñecidos do panorama musical galego e portugués como Tanxugueiras, Ibarraka ou o grupo de música tradicional Unto Vello. Ademais, Ponte Farruca tamén contará co show drag de Lolamenta, que amosará toda a súa forza escénica con orgullo e creatividade.
Un cartel de actividades que se completa, ao igual que en edicións anteriores, coa tradicional feira de artesanía e material agrícola, que suporá un espazo de encontro interxeracional para o público, ao igual que a popular tractorada engalanada que encherá as rúas de cor e orgullo.