Nova
‘Caetra Lucensium’ sinaliza en braille ou seu campamento de Arde Lucus coa colaboración da Xunta
O delegado territorial, Javier Arias, destacou o traballo do colectivo en favor dunha celebración “máis accesible e inclusiva” da que poidan desfrutar todas as persoas
Lugo, 13 de xuño de 2025
A Xunta colabora coa asociación Caetra Lucensium na iniciativa de incorporar sinalización en braille nos paneis informativos do seu campamento de Arde Lucus, instalado na praza de Ferrol.
A agrupación adecuou os contidos que xa se ofrecen ao público xeral para que poidan ser accesibles a persoas con discapacidade visual.
O delegado territorial, Javier Arias, visitou hoxe o espazo acompañado de membros de Caetra; do director da ONCE en Lugo, Francisco Javier Farnes; e da vicepresidenta da Asociación de Persoas Xordas (Asorlu), Mónica Lourés.
A adaptación do campamento en braille supón un paso máis dentro da acción Caetra dos sentidos, que puxeron en marcha xa en anteriores edicións, promovendo visitas para diferentes colectivos que presentan necesidades específicas.
No marco destas actividades, hoxe recibirán a visita da Asociación de Persoas Xordas de Lugo, acompañados por un intérprete de lingua de signos; e de dous grupos formados por case 50 usuarios da ONCE de Lugo e A Coruña.
Arias felicitou á asociación por contribuír a “fomentar unha celebración máis accesible e inclusiva” para todo o mundo, ademais de “axudar a concienciar sobre a diversidade das persoas e sobre a necesidade de eliminar barreiras en todos os ámbitos da vida”.