Nova
A Xunta concede a 73 anpas galegas axudas para facilitar a conciliación e promover a formación e sensibilización en corresponsabilidade
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da liña de corresponsabilidade desta convocatoria dotada con 600.000 euros
Prevese que máis de 4.500 menores participen nos programas que se desenvolvan ao longo deste ano con estas achegas
Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2025
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da convocatoria de axudas destinada ás Asociacións de Nais e Pais (Anpas) dos centros educativos para a posta en marcha ao longo deste ano de programas que faciliten a conciliación e a corresponsabilidade nas familias. A Xunta de Galicia destina 600.000 euros a esta liña de axudas que está cofinanciada polo Plan Corresponsables do Ministerio de Igualdade.
Este ano resultaron beneficiadas 73 Asociacións de Nais e Pais de toda Galicia nas que se estima que participarán máis 4.500 nenas e nenos en actuacións orientada a facilitar a conciliación das familias. A contía máxima de axuda que pode recibir cada ANPA é de 15.000 euros e no caso de Confederación de ANPAS o importe máximo ascende a 20.000 euros.
A través desta liña fináncianse servizos de coidados para facilitar a conciliación de familias con fillas e fillos de ata 16 anos, así como accións de formación e sensibilización para impulsar a corresponsabilidade e modelos de masculinidades igualitarias. Trátase de programas de madrugadores e de comedor, actividades extraescolares, ludotecas, campamentos de Semana Santa, verán, entroido e Nadal.
En todas as actuacións tense en conta a perspectiva de xénero no seu deseño e execución nos que a través da corresponsabilidade se promove a igualdade entre mulleres e homes.