Nova
A Xunta avalía o inicio das obras do futuro centro social multiusos de Muimenta no que inviste máis de 285.000 €
O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar sinalou que este novo recurso será un servizo multifuncional para o desfrute da veciñanza
Carballeda de Avia (Ourense), 13 de xuño de 2025
O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, acompañado do alcalde de Carballeda de Avia, Luis Milia, visitou esta mañá as obras que se están desenvolvendo nas instalacións do que será o futuro centro social multiusos da parroquia de Muimenta, no que a Xunta de Galicia inviste máis de 285.000 euros.
Perfecto Rodríguez lembrou que este proxecto é un dos beneficiados no marco do Plan de Investimentos impulsado pola Xunta de Galicia e acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a construción, reforma ou ampliación de servizos municipais destinados a persoas maiores. Este Plan está dotado con 18,5 millóns de euros e conta con fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (NextGenerationEU).
No caso concreto de Carballeda de Avia, a iniciativa seleccionada foi a creación do centro social multiusos, cuxo custo ascende a preto de 400.000 euros, dos que a Xunta de Galicia financiará máis do 71% e o resto a Deputación de Ourense. Ademais, a redacción deste proxecto foi financiada pola Fundación RIA que seleccionou o deseño resultante a través da convocatoria dun concurso.
Socalcos
A proposta gañadora deste certame organizado pola Fundación RIA para o proxecto do centro social multiusos de Muimenta foi Socalcos, unha iniciativa que destaca pola súa capacidade para conservar as características do terreo, evitando alteracións significativas e mantendo un forte vínculo coa topografía natural da parcela.