Nova

A Xunta aposta por unha actuación integral contra a violencia de xénero desde os ámbitos normativo, económico e social

A conselleira pon en valor a importancia da prevención e da sensibilización, especialmente entre a mocidade, e a atención que se presta ás vítimas, na que destaca a axuda económica mensual ininterrompida que ofrece Galicia


Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, destacou esta mañá que o compromiso do Goberno galego coa erradicación da violencia de xénero “é integral e firme” é inclúe tanto o ámbito normativo, como o económico ou social.

Na súa intervención, lembrou que a Xunta mantén “un apoio incondicional a todas as mulleres que sofren este tipo de violencia”, poñendo ao seu alcance todos os recursos que lles poidan axudar a seguir adiante coas súas vidas. Neste sentido, destacou que a actuación do Goberno galego céntrase en dous eixos principais. O primeiro deles é a  prevención e sensibilización, especialmente entre a mocidade.

O segundo eixo pasa pola atención integral ás vítimas, un eido no que Galicia conta cun dos servizos de tratamento psicolóxico a vítimas máis completos de España,  ofrece atención xurídica gratuíta e pon a disposición das vítimas unha axuda económica mensual ininterrompida, sendo a primeira comunidade en facelo. En definitiva, “apoiando sempre ás vítimas e aos seus fillos e fillas con recursos, axudas e solucións cando máis o necesitan”.

Na súa resposta, a conselleira sinalou que os datos estatísticos sitúan a Galicia como a segunda comunidade coa taxa de violencia de xénero máis baixa de toda España, quedando  case trinta puntos  por debaixo da media estatal. E destacou, ademais, que o incremento no número de denuncias constata que cada vez máis mulleres cren no sistema e denuncian aquelas situacións machistas que sofren no seu día a día.