Nova
A Xunta renova parte do mobiliario do seu centro de día para persoas maiores en Outes
Destináronse 15.000 euros a adquisición de cadeiras para o comedor, butacas de descanso e equipos de televisión
Outes (A Coruña), 11 de xuño de 2025
O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou hoxe o centro de día de Outes, pertencente á rede pública autonómica, no que se acometeu o ano pasado a renovación de parte do seu mobiliario. Perfecto Rodríguez estivo acompañado do alcalde do concello, Francisco Calo.
O novo mobiliario instalado neste servizo de atención diúrna forma parte das melloras que o ente autonómico leva a cabo nos seus centros ao longo de todo o ano. Neste caso, destináronse 15.000 euros para a compra de cadeiras para o comedor, butacas para o descanso dos maiores ou equipos de televisión.
O centro de día de Outes ten 30 prazas de capacidade e presta servizo ás familias deste concello e dos limítrofes, pois ten carácter comarcal. Na actualidade, conta con 24 persoas usuarias procedentes de Outes, Noia, Mazaricos e Negreira.
Colaboración institucional
Por outra banda, Perfecto Rodríguez puxo en valor a boa relación entre administracións para mellorar os equipamentos sociais da localidade. Nesta liña, o xerente trasladou ao alcalde a disposición da Xunta a colaborar co concello para un maior aproveitamento do inmoble que alberga o centro de día. A intención do rexedor municipal é darlle usos de carácter social a dúas plantas baleiras da edificación.