Nova
A Xunta apoia o ‘Mes da diversidade’ e a ‘Ruada das Gotas’ de Ribadumia co obxectivo de visibilizar e reivindicar os dereitos LGBTI no rural galego
A directora xeral de Promoción da Igualdade fixo fincapé na importancia de seguir impulsando iniciativas desde todos os eidos, sobre todo no rural, para dar visibilidade ás persoas LGBTI
Ribadumia (Pontevedra), 10 de xuño de 2025
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, participou esta tarde na presentación das actividades do Mes da diversidade que organiza o concello pontevedrés de Ribadumia e a Asociación pola diversidade social GOTAS. O obxectivo desta iniciativa é reivindicar os dereitos das persoas LGBTI e amosar o compromiso da veciñanza.
Así, María Quintiana puxo en valor a ampla programación de actividades, destacando a que será novena edición da Ruada das Gotas, un festival convertido nun referente da posta en valor da diversidade sexual no rural e que se celebrará os días 20 e 21 de xuño co apoio da Xunta de Galicia. Neste sentido, a directora xeral fixo fincapé na importancia de que todos os axentes sociais sigan impulsando iniciativas coma esta que contribúan a dar viabilidade ás persoas LGBTI sobre todo no rural.
A directora xeral lembrou que nestes últimos anos a Xunta de Galicia impulsou medidas específicas para combater a LGBTIfobia e poñer en valor a diversidade sexual e identidade de xénero. Así, fixo fincapé no traballo que desenvolve o Observatorio LGBTI que está integrado por entidades sociais, institucións públicas e sindicatos. Ademais, recordou que a Administración galega aprobou recentemente un protocolo de atención e asesoramento especializado ás persoas LGBTI través dos Centros de Información á Muller, tamén o protocolo de atención ás persoas trans no Sergas. Do mesmo xeito, puxo en valor o traballo do movemento asociativo, que conta co apoio económico da Xunta, e o labor de atención á diversidade que realizan desde hai anos os centros Quérote+.