Nova

A Xunta colabora coa asociación Diversidades para mellorar a inclusión da mocidade en risco de exclsuión social a través da formación

Esta mañá a entidade social inaugurou un aula de impresión 3D para seguir apoiando aos mozos en situación de abandono escolar e sen cualificación profesional que forman parte do Proxecto BRO’S

O director xeral de Inclusión Social sinalou que Diversidades recibiu preto de 421.000 euros nos últimos tres anos a través de varias liñas de achegas para o desenvolvemento de novas accións


Vigo, 10 de xuño de 2025

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participou na presentación da nova aula de Impresión 3D do Proxecto BRO’S, que leva a cabo a asociación Diversidades. O obxectivo deste programa, financiado pola Xunta de Galicia,  é mellorar a inclusión da mocidade en risco de exclusión a través do impulso da formación regrada.

A asociación Diversidades leva anos traballando na inclusión social das persoas máis vulnerables, especialmente ás migrantes. Deste xeito, puxeron en marcha o proxecto BRO’S orientado á mocidade en risco de exclusión social e que carece de cualificación profesional para impulsar a súa formación e dotalos de ferramentas para a busca dun emprego. Así, con esta nova aula, que financia a Fundación Orange, poderán seguir traballando no desenvolvemento de novas aptitudes e habilidades que lles permitan abrir novas eidos laborais.

Arturo Parrado agradeceu o labor que desenvolve esta entidade social e trasladou o compromiso da Xunta de Galicia para seguir traballando da man na inclusión social de quen máis o precisa. Nesta liña, lembrou que nos últimos tres anos Diversidades recibiu preto de 421.000 euros a través de varias liñas de achegas destinadas ao desenvolvemento de novas accións e programas.