Nova
A Xunta apoia a 88 entidades sociais para programas de atención a mulleres en situación de vulnerabilidade e accións de conciliación e corresponsabilidade
O Diario Oficial de Galicia publicou a resolución desta convocatoria de axudas que conta cun orzamento total de de 2,2 M€
Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2025
O Diario Oficial de Galicia publicou a resolución da convocatoria de axudas para a posta en marcha de programas específicos para a atención de mulleres en situación de vulnerabilidade e para o desenvolvemento das actuacións do Plan corresponsables, cofinanciadas parcialmente pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021 -2027.
Co orzamento total de 2,2 millóns, desenvólvense dous programas diferentes. Por unha parte destináronse 1,9 millóns de euros para financiar actuacións que desenvolven 75 entidades sociais sen ánimo de lucro, para atender específica e exclusivamente a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, entre outras, a vítimas da violencia de xénero, de explotación sexual, laboral ou de trata, inmigrantes, refuxiadas ou reclusas . Con este programa, a Xunta apoia programas para unha atención integral personalizada, tanto psicolóxica como en materia de asesoramento xurídico ou na adquisición de competencias para a mellora da empregabilidade.
Por outra parte, destináronse 300.000 euros para as actuacións que desenvolven 13 entidades orientadas a facilitar a conciliación das familias galegas con menores a cargo de ata 16 anos, mediante a posta en marcha de servizos de coidado profesional, a creación de emprego de calidade no sector dos coidados, e a sensibilización da sociedade, particularmente dos homes, en materia de corresponsabilidade e coidados.
Na resolución publicada onte no Diario Oficial de Galicia pode consultarse a relación de entidades sociais beneficiarias e cada un dos programas que se financian no marco da convocatoria, así como as contías concedidas a cada iniciativa.