Nova
Martina Aneiros felicita á Asociación sociocultural ASCM pola inauguración do seu novo local reformado cunha axuda da Xunta con cargo ao 0,7% do IRPF
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, asistiu esta mañá á xornada de portas abertas que, con motivo da inauguración do novo local situado no barrio de Esteiro, convocou a entidade social
Ferrol, 9 de xuño de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, asistiu esta mañá á inauguración do novo local da asociación sociocultural ASCM no barrio de Esteiro, que foi rehabilitado grazas a unha achega autonómica de 145.321 euros da orde de axudas con cargo ao 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) que xestiona a Consellería de Política Social e Igualdade.
Con cargo a esta axuda da convocatoria de 2023, a ASCM acometeu a reforma integral do novo local, situado nun inmoble de planta baixa. Os traballos incluíron tamén a substitución da cuberta, a mellora da fachada e actuacións na iluminación e reforma do interior co fin de adaptar os espazos ás necesidades dos usuarios.
Durante a xornada que estivo aberta á toda a cidadanía, no só se deron a coñecer as novas instalacións senón tamén os programas que desenvolve a entidade a prol dos dereitos das persoas con discapacidade e que a delegada territorial puxo en valor. “O obxectivo do Goberno galego con estas axudas é o de continuar apoiando ao tecido asociativo e traballando da súa man para que as persoas máis vulnerables conten cos recursos que necesitan para desenvolver os seus proxectos de vida”, sinalou Aneiros.