Nova
A Xunta pon en valor o ‘I Foro de Liderado Feminino no Rural’ como un exemplo de espazo que fomenta o diálogo e o intercambio de experiencias
María Quintiana destacou a importancia da colaboración entre Administracións e entidades sociais para impulsar a presenza das mulleres no rural e en todos os ámbitos sociais
Vimianzo (A Coruña), 5 de xuño de 2025
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, participou hoxe no I Foro de Liderado Feminino no Rural – Alza Voz de Muller que organiza o concello do Vimianzo para poñer en valor o papel das mulleres no rural. Na súa intervención destacou a importancia de crear encontros que potencien o diálogo e o intercambio de experiencias para seguir avanzando cara unha Galicia máis igualitaria.
María Quintiana destacou que xornadas coma esta son imprescindibles para amosar figuras de mulleres referentes que están liderando proxectos empresariais no rural e que son imprescindibles para o desenvolvemento do entorno. Ademais, destacou que é fundamental que as entidades sociais e as Administracións traballen da man para seguir impulsando a presenza das mulleres no rural e no resto de ámbitos sociais.
Neste sentido, María Quintiana sinalou que a Xunta de Galicia está reforzando nos últimos anos as políticas de conciliación e corresponsabilidade, poñendo o foco tamén no rural. Deste xeito, impulsáronse as casas niño e do maior, co obxectivo de crear recursos específicos de atención ás nenas e nenos e tamén ás persoas maiores nas zonas máis despoboadas de comunidade. Con todo, a directora xeral recalcou que pese aos avances acadados, é necesario seguir facendo camiño para que as mulleres lideren cada vez máis empresas “desde dentro e tamén cara fóra”.