Nova
A Xunta publica mañá no DOG a orde de axudas a entidades de iniciativa social para financiar programas e servizos no ámbito da inclusión
O orzamento desta nova convocatoria é de case 21 millóns de euros, un 6% máis que a anterior, e a súa vixencia é para o período 2025-2027.
Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2025
A Xunta publicará mañá luns no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha nova convocatoria da orde de axudas a entidades de iniciativa social para financiar actividades de servizos sociais comunitarios e de inclusión social que desenvolvan entre este ano e o 2027. O seu orzamento é de 20,8 millóns de euros, un 6% máis con respecto á anterior convocatoria, que foi a de 2023-2025.
Desde o vindeiro martes, día 10, as entidades de iniciativa social terán un mes de prazo para acollerse a estas achegas, que están cofinanciadas parcialmente polo Fondo Social Europeo Plus 2021-2027.
Poderán destinar estes fondos ao funcionamento dos seus centros de inclusión e emerxencia social, como comedores sociais, albergues ou centros de acollida. Tamén están destinados a programas e actuacións que favorezan a integración e ao acceso ao mercado laboral de persoas inmigrantes e outras en situación ou risco de exclusión social.
Así mesmo, a convocatoria potencia novamente as medidas centradas na atención ás persoas sen fogar, cunha liña de achegas para apoialas e facilitar a súa inclusión residencial.
A Xunta volve darlle carácter plurianual a esta orde para responder ás necesidades das entidades, que deste xeito dispoñen dunha maior estabilidade na súa planificación e programación, e tamén reducen a súa carga administrativa. Na anterior convocatoria resultaron beneficiadas da mesma 104 entidades.